Adrián (adestrador do Chantada) 

"É o tempo o que nos dirá ata onde estamos dispostos a chega"

Adrián estréase esta tempada nos bancos de Preferente, á fronte da S.D. Chantada. De momento, garante traballo e ilusión, e cre que será o traballo diario o que dirá ata onde pode chegar o equipo.

  1. 1.Tras unha tempada á fronte dos xuvenís, pasas a dirixir o primeiro equipo. ¿Como afrontas esta nova etapa? 

    Con moitísima ilusión. Xa foi un reto que o club confiase en min para dirixir os xuvenís e agora bríndaseme outra grande oportunidade. Non teño máis que palabras de agradecemento.

    2.¿Cales crees que deben ser os obxectivos do equipo esta campaña?

    Os obxectivos do equipo deben ser o traballo diario e a unión tanto dentro como fóra do vestiario. Non creo que prometer grandes metas sexa o mellor xeito de comezar o ano.

    Todo vai depender do grao de compromiso que teñamos cada un dos membros do equipo, é o tempo o que nos dirá ata onde estamos dispostos a chegar.

    3. En canto aos xuvenís, disputarán a súa cuarta campaña consecutiva en Galega, ¿como valoras a situación do equipo? 

    Agora que empezo a coñecer o club, decátome de que pasa o de todos os anos, e que di moito da entidade: pasan xogadores importantes, pero queda unha base do equipo que garante un bo nivel de partida, tamén chegan xogadores de calidade e traballadores que veñen de facer historia na súa categoría; e todo iso unido a que Óscar, un grande profesional que se desvive polo seu traballo, se vai facer cargo do equipo.

    É dicir, todo segue o seu curso para que o club siga logrando grandes metas a curto-medio prazo.

    MOI PERSOAL

    1.         Unha cor: laranxa.

    2.         Unha comida: a pasta en xeral.

    3.         Unha bebida: unha cañita despois dun adestramento duro.

    4.         Un número: o 1, é polo que empeza todo.

    5.         Un equipo: estiven na SD Monterroso durante 10 anos como xogador e eles foron os primeiros en darme a oportunidade de adestrar, labor que desempeñei estes últimos tres anos con grupos de xogadores excepcionais. Creo que se non pasase polo club do meu pobo, o Chantada non me daría a oportunidade nin de adestrar os xuvenís o ano pasado nin de dar o salto ao primeiro equipo este ano. É por iso que o Monterroso sempre será o meu equipo de referencia.

    6.         Un libro: Canastas Sagradas

    7.         Unha película: La Vida es Bella

    8.         Un xogador: como forofo Djalminha; era un espectáculo velo             xogar cando estivo no Deportivo. Como adestrador, creo que non hai un perfil de futbolista tan perfecto como para dicir: "gustaríame que todos fosen como este". Pero o que si creo é que hai un perfil de equipo perfecto, e é aquel formado por xogadores que estean dispostos a sacrificar o seu ben persoal polo ben común.

    9.         Un adestrador: por ser co que empecei, Miguel; polo que supuxo, Pateiro; polo seu carácter, Aguirre; polo seu xeito de entender o fútbol, Juande Ramos;  por estrategas, Mourinho ou Benítez; pola súa proximidade e humildade Juan Fidalgo... Creo que na vida todo o mundo ten algo que che achegar e o fútbol, ó meu modo de entender, non é diferente.

    10.       Un hobbie: ademais do deporte en xeral, estar coa xente coa que te atopas a gusto (familia, amigos,...)

    11.       Outro deporte: todos merecen o meu respecto, aínda que eu inclínome máis polos colectivos (fútbol-sala, balonmán, rugby...)

    12.       Un gol: o que reflicte o traballo en equipo.

    13.       O partido do que mellor recordo tes: como adestrador, unha eliminatoria de copa cos xuvenís de Monterroso hai tres anos. Xogabamos as semifinais na casa contra o Polvorín; despois de perder 4-0 no seu campo, remontamos cun 6-1. Foi un deses partidos nos que todo che sae ben. Como xogador, a final de Copa contra o Guitiriz en Palas fai 7 ou 8 anos. Fora un ano moi difícil en Preferente, onde o equipo rompera. Tivemos que subir varios xuvenís para disputar toda a segunda volta do campionato e a Copa, foi un final feliz para un ano moi complicado.

    Tiven a sorte de que Pateiro me deu a oportunidade de xogar de inicio neste partido e creo que é do que levo máis grato recordo da miña actuación.

    14.       O partido do que peor recordo tes: como xogador, o partido de volta da última eliminatoria polo ascenso a Galega dos xuvenís do Monterroso hai varios anos. Era un grupo incrible (Óscar Méndez, Javi, Serrano, Álex...) que o tiña todo para dar o salto de categoría, pero un gol nos minutos finais, que supoñía o empate, fixo que non se puidese conseguir o botado de menos ascenso.

    Eu era aínda cadete e non me decataba en aquel momento do que aquilo supoñía; pero agora explícome as bágoas de toda aquela xeración de excelentes xogadores que quedou a un paso da gloria.

    15.       Es adestrador porque... gustábame o fútbol e o deporte en xeral e propúxenme estudar INEF. Funme a Pontevedra e unha vez alí, os profesores que levan o departamento de fútbol fan que te queiras dedicar a isto si ou si.

    Na actualidade, como non adoita haber preparadores físicos nos pobos decidín empezar como adestrador e alégrome moitísimo de facelo así, porque esa decisión abriume un mundo novo ao que me alegro de pertencer; aínda que con tal de seguir vinculado ao fútbol, ao adestramento, ao día a día, estaría disposto a desenvolver calquera función.

    16.       O mellor de ser adestrador é... ver que un equipo está unido e que    traballa duro por conseguir un obxectivo común. Cando un equipo se comporta deste xeito, e ti podes achegar o teu graniño de area, é aí cando todo paga a pena.

    17.       E o peor... cando non se consegue que o anterior suceda ou só se cumpre en ocasións puntuais. Séntese unha gran frustración cando non logras que un equipo renda ao máximo das súas posibilidades, e creo que a min me pasou en máis dunha ocasión.

    O ano pasado, sen ir máis lonxe, cos xuvenís foi un claro exemplo;  un grupo dunha enorme calidade, tanto humana como futbolística, que ata que non se atopou nunha situación complicada, contra as cordas, non empezou a render ao 100%. Creo que deberiamos estar a loitar por cotas maiores.

    18.       Un recordo: creo que todos temos datas no noso calendario marcadas para sempre. Calquera recordo desas ocasións especiais son os que che fan seguir loitando nos momentos difíciles.

    19.       Un sono: o que se fai realidade. Por sorte toda a xente que me rodea    fai que cada día teña máis e máis sonos e grazas a eles tamén que estes se cumpran.

    20.       Unha frase: "É bo ter un fin ao que se dirixir; pero é a viaxe o que importa finalmente". Ursula K. Leguen.

     

 
Entrevistas anteriores:                                                            
Pateiro Rubén   Héctor  Dani Fonsi
Bruno Carlos Iago  André Boado
Lois Fredi Fran Cabezas Kadete
Álex Pablo Pateiro Álex Guitián Piñeiro
Óscar Méndez Anxo Diego Guitián Adrián Adrián Pateiro
Efrén Ilde Pateiro Chucho