Javier Pateiro (adestrador do Chantada) 

"Por motivos laborais non podo adicarlle o tempo suficiente á faceta de adestrador"

Despois de cinco tempadas á fronte do Chantada, Pateiro deixa o banco do primeiro equipo: explícanos os motivos que lle levaron a tomar esta decisión, e analízanos estes cinco anos e a próxima tempada, porque recordamos que seguirá de Director deportivo.

1. Despois de cinco tempadas á fronte do equipo, deixas o cargo, ¿a que se debe esta decisión?

O meu novo traballo non me permite dedicarlle o tempo suficiente á faceta de adestrador e nestes momentos resúltame moi difícil o feito de conciliar dous traballos e a familia.

2. Fainos un balance destas cinco tempadas

Empecei con enorme ilusión e esta foi crecendo alimentada pola ilusión dos que me rodeaban. Nunca baseei o traballo no resultado como obxectivo último do equipo; nun equipo de fútbol afeccionado hai cousas por diante dos resultados.

Criticóuseme a miúdo o feito de realizar todos os cambios, polo que podía influír no resultado, pero esa é unha crítica moito máis asumible que levar a un rapaz todo o domingo e non lle dar nin sequera 15 minutos de partido.

Pasaron uns cantos xogadores polo equipo nestes anos e todos terán a súa historia que contar, a miña é que intentei ser xusto e a miña xustiza nunca pasou por aliñar ao mellor se non ao que máis o merecese, eu fixen a miña autocrítica con respecto a moitas situacións que pasaron durante estas 5 tempadas, e cada un debe facer a súa.

3. ¿Cal foi o mellor momento?

Cada vez que os rapaces dos catro equipos gozaron con algo relacionado coa S.D. Chantada.

4. ¿E o peor?

A 2ª operación de xeonllo de Poyán.

5. Ao final, sufriuse, pero a S.D. xogará a próxima tempada en Preferente, ¿como analizas esta campaña?

Esta foi unha tempada que puido ser épica a nivel deportivo e ao final quedou en esperanzadora polo feito de darnos un ano de marxe. Somos un equipo afeccionado, con todo o que leva consigo, un grupo de rapaces que se cabe deben ser un pouco máis de grupo que este ano.

O traballo dun equipo baséase en que cada un acepte o seu rol, iso faise ao principio de tempada cando che formulan as condicións; que o desempeñen do mellor xeito posible, iso faise unha vez comezada a tempada chegando puntual a adestrar, non faltando aos adestramentos, creando un bo clima no vestiario, e sobre todo gozando co que se fai.

Unha vez que non se cumpren as condicións de todo isto o mellor é apartarse e por unha vez na vida ser coherente cun mesmo.

6. Fainos un balance da tempada que remata para os outros tres equipos da S.D.

En canto ao B, as conclusións que saco é que deben gozar un pouco máis co que teñen, porque unha opción é non o ter. Formúlanse uns cambios a nivel organizativo neste equipo. O cambio nº 1 vén motivado por un erro meu en canto á organización do equipo; formulouse a idea de que sería un equipo con menos esixencias e iso acabounos levando a certa desidia, as esixencias deste equipo deben de ser as mesmas que calquera equipo da S.D., a nivel deportivo, é dicir, horas de adestramento; o xogador que ficha pola S.D. Chantada debe de saber que na sinatura da súa ficha esta asinando un contrato de compromiso con todos os seus compañeiros e co resto do club. Compañeiros como Miguel ou Fidi por nomear a algún que sí tiveron ese compromiso, xogadores con traballo que tarde ou cedo sempre apareceron a adestrar, o club necesita xente que goce co fútbol.

En canto a xuvenís e cadetes sácome o sombreiro, esta tempada déronnos a todos unha lección de saber estar, traballo e dedicación e por suposto pasárono ben.

7. Deixas o banco do Chantada, pero segues á fronte da dirección deportiva: ¿que proxectos e obxectivos se teñen para o próximo ano?

O proxecto máis importante é seguir crecendo. Creo que conseguimos unha  organización estable para os catro equipos; unha directiva que consegue os recursos para cubrir o presuposto. E unha serie de servizos que noutros equipos non se dan; iso non quere dicir que neste club sexamos a hostia, simplemente iso, que noutros clubs non se dan...

A curto prazo deberamos de fortalecer anímicamente ao primeiro equipo, darlle un xiro de 90 graos ao B, e crear categorías B en cadetes e xuvenís. E por suposto buscar unha saída a aqueles xogadores que por un motivo ou outro non poden adestrarse con regularidade.

8. ¿Haberá algunha incorporación para a próxima tempada no primeiro equipo?

Un ano máis os xuvenís de último ano farán a pretempada co equipo de Preferente e o feito de manter case todo o equipo debería de ser suficiente.

9. ¿Como ves o futuro da S.D.?

Cando un xogador con 20 anos como Poyán afronta a súa segunda operación no xeonllo, tendo todas as dúbidas do mundo sobre a recuperación, vaticinando o seu abandono do fútbol, sendo eu neses momentos o que lle daba ánimo; agora xa recuperado véselle cunhas ganas enormes de xogar ao fútbol e dándome ánimo a min el. Pois así vexo o futuro da S.D., como o ve Poyán.

10. ¿Queres mandar algunha outra mensaxe dende aquí: á afección,  xogadores...? 

Á afección, que sempre tivo o meu respecto e admiración, porque o que se ve en Chantada non se ve en ningún campo de Preferente.

 
Entrevistas anteriores:                                                            
Pateiro Rubén   Héctor  Dani Fonsi
Bruno Carlos Iago  André Boado
Lois Fredi Fran Cabezas Kadete
Álex Pablo Pateiro Álex Guitián Piñeiro
Óscar Méndez Anxo Diego Guitián Adrián Adrián Pateiro
Efrén Ilde      
         

Páxina principal